Novedades Infantil

XORNADA 22 13-02-2016
Click para ampliar


CRÓNICA DO PARTIDO

Partido moi complicado a priori para os nosos, e é que o Lalín dou unha gran imaxe en Cepelo na 1ª volta da competición. Sabiamos que os tres puntos ían ser difíciles de levar para Negreira, a concentración e as gañas debían estar ao máximo.
O partido comezou con 20 minutos de retraso debido a un partido previo que aínda se estaba a xogar. Isto podía ser unha arma de dobre fío, xa que o tempo transcorrido entre a charla técnica e o quecemento podía facer perder a concentración dos rapaces. Comezamos moi ben plantados no terreo de xogo, movendo ben o balón e con moito criterio. Así non tardaron en chegar as dúas primeiras ocasións, dous córner, conseguindo transformar o segundo despois dunha serie de rebotes no medio da área (Raúl, 0-1, min. 5). Isto facía presaxiar un bo inicio de partido e un bo futuro para os nosos. Sen embargo, o partido mudou mal para os nosos intereses, tendo moita culpa a baixa intensidade dos nosos e a mala actitude de querer ganar o partido. Comezamos a relaxarnos con e sen balón, permitindo que o Lalín se comezara a encontrar máis cómodo no partido, mérito tamén para o equipo local, que a iso se lle sumaba o seu bo traballo ofensivo e defensivo, conseguindo incomodar aos nosos e poñéndoos nerviosos. Tal foi, que dez minutos máis tarde, o Lalín conseguía empatar o encontro tras un chut de 20 metros fronte a portería que se colaba pegado o traveseiro e onde o xogador do Lalín non encontraba oposición para defendelo. Mala actitude defensiva e moita permisividade tiñan a culpa deste primeiro gol en contra. A partir deste momento o noso equipo veuse abaixo, non sabendo cambiar as cousas como tantas veces noutros partidos conseguiramos facer. Non era a primeira vez que nos poñían contra as cordas, sen embargo non se reflectiu no encontro as gañas e a ambición de querer ganar o partido que tanto nos caracterizara xornadas atrás. Non gozamos de ocasións claras, así tamén como o Lalín, amosando un xogo espeso e nada efectivo. Cabe salientar un penalti claro e non sinalado a Álex Parajó, nunha internada a área local cando se dispoñía a preparar o tiro, onde Álex ,tras un control orientado superaba ao defensor e este, para impedir o seu tiro, agarrábao por detrás tirándolle da camiseta e facéndoo caer ao chan. Terminaba así a primeira metade, tendo máis culpa o noso mal xogo que o penalti non sinalado.
A segunda metade comezou cunha pequena recuperación dos nosos ideais, movendo mellor o balón e tendo máis control nós do partido. Así, 7 minutos despois de comezar o segundo tempo, tras un falta lateral bastante afastada da portería, Álex Fernández colgaba un moi bo balón buscando o remate dos nosos, que tras non encontrar rematador, con moita fortuna e unha mala concentración da defensa rival colábase entre os tres paus. Sumabamos o 1 a 2 no marcador e as cousas se poñían máis o noso favor. No canto de mellorar empeoramos, mentres o Lalín estaba a facer ben o seu traballo movendo o balón polo centro do campo con relativa facilidade. Preto do final, o equipo local meteu un pase en profundidade dentro da área e escorado cara un lateral desta. Dispoñéndose a controlar o xogador do Lalín o balón, un dos nosos púxose a súa par impedindo o seu avance e forcexando os dous xogadores cos brazos. Agora si o árbitro pitaba penalti nunha acción que parecía unha disputa entre dous xogadores. Un tanto “incomodos” tivemos que aceptar a infracción e dispoñernos a seguir co partido. O xogador local poñía de novo o empate no marcador tras un gran golpeo (2-2, min. 69). Dez minutos nos separaban do final do encontro, empregando máis as individualidades para cambialo resultado que o xogo en equipo, non chegando a ningún lugar, si conseguindo o efecto contrario, entorpecer as cousas traballadas ata o de agora. Dispuxemos de dúas últimas boas ocasións tras dous centros moi bos, onde non chegaba a rematar Daniel e Álex Parajó respectivamente (este último tras unha falta lateral). O Lalín mostraba o mesmo xogo durante todo o partido aínda que sen perigo para os nosos intereses. Remataba así, posiblemente o peor partido xogado ata o de agora.
Para ser os mellores fai falta moito que seguir traballando e máis gañas de querer ganar os partidos, de querer ir a por eles. O próximo rival duro está tan so a dúas semanas, o Bertamiráns, que ven con moitas gañas.